Os posmodernos tomaron unha concepción da racionalidade humana e da súa implantación no mundo moderno que fundamentaba unha imaxe sombría da sociedade contemporánea. Aceptan un suposto básico da filosofía de Nietzsche: a idea de que o que se considera verdadeiro é unha imposición, e que a suposta búsqueda da verdade non encubre nada máis que unha vontade de poder. Esta convicción levaba a Nietzsche ao abandono da idea mesma de verdade, a distinción mesma entre verdadeiro e falso.
De Heidegger tomaron a convicción de que a razón que ocupou o centro da filosofía e a cultura modernas, non é outra cousa que un instrumento de dominio, destinado a someter o mundo á vontade do home. Este sometemento quedaría consumado no mundo contemporáneo, un mundo dominado pola cencia e a técnica, e marcado pola destrución da natureza e o sometemento dos homes a sistemas sociais opresivos.
Así, os posmodernos rexeitaban a argumentación, incluida a discusión filosófica, pois toda argumentación (como calqueira outra forma de empregar a razón), non é máis que un acto de forza, un intento de imposición da vontade do suxeito sobre a vontade dos outros.
O posmodernismo orixínase no dominio da harte, en concreto da arquitectura. Oponse ao ideal arquitectónico modernista caraterizado por valorar o funcional e aposta por unha construción futurista que racha decididamente co pasado e que ignora a historia.
O posmodernismo distínguese por:
- O hiperculturalismo. Revalorización da riqueza e da diversidade histórica e cultural.
- Rexeitamento das diferenzas xerarquizantes. Aposta pola tolerancia, e é antes relativista e escéptica que dogmática ou fanática.
- O abandono dos «grandes relatos» de lexitimización da civilización occidental. Afástase da historia xudeocristián, hegelianismo, progresismo da Ilustración, socialismo, evolucionismo, etc.
- Prefire o razoamento analóxico, flexíbel, móbil, débil, …, ao razoamento unívoco, lóxico e normativo.
- Está a favor dunha economía que, se non de mercado, en todo caso de abundancia e administrada con pragmatismo.
Lyotard
Para Lyotard, Auschwitz é o crime que inagura a posmodernidade.
Para Lyotard os metarrelatos da modernidade atraen cada vez menos adhesión, non son sostibeis aínda que continúen funcionando mecánicamente. A miúdo son a referencia lexítima porque non se dispón de alternativa algunha. Non son depositarios de carga afectiva, que se lles quitou por non ter cumprido coas súas promesas: o mundo que se ten producido co progreso non é o mundo de liberdade, fraternidade e igualdade universais que se prometera.

A historia moderna é unha liña quebrada: as cencias teñen coñecido revolucións radicais e se teñen convertido nas tecnocencias ao vincularse estreitamente ao capitalismo. Non existe nengunha razón que poida asumir e superar o que sucedeu na Segunda Guerra Mundial, con Auschwitz, nen hai sentido algún que poida asimilalo. Ao exceder toda historia aceptábel polos seres humanos, os crimes dos nazis teñen rachado o mesmo sentido da historia.

Para Lyotard, a tecnocencia concede á modernidade a ilusión de perpetuación trunfal do seu ideal, mentres que en realidade non lle aporta liberdade, igualdade, fraternidade, nen xustiza. Subordina o saber ao poder, a cencia ao político e a economía. A súa regra fundamental é que o máis forte ten sempre a razón.
Vattimo
Partindo de Nietzsche, Heidegger e Wittgenstein, Vattimo introduce a consigna do pensamento débil, partindo do recoñecemento da disolución da historia da metafísica e a situación da verdade nun horizonte débil e retórico, onde se experimenta o ser dende o extremo do seu ocaso e disolución.
Para el, a hermenéutica aparece como a linguaxe común da cultura de hoxe en día, porque todo se reduce a xogos de linguaxe e interpretación, e onde a heteroxeneidade do diferente triunfa sobre a identidade do universal.

Para Vattimo, o ser no seu declive é un ser mortal do que só queda a pegada, a lembranza piadosa. O pensamento débil non ten nada que ver cunha unha sensibilidade pesimista ou decadente, nen co ocaso de occidente ou cousas semellantes, pois vén sendo un discurso rigurosamente teórico que concerne ao modo de darse o ser na nosa experiencia.
Vattimo ten unha concepción «débil» da ética, no que os valores, as normas e os deberes carecen de forza. O sistema de valores que cada un profesa móstrase nun contexto de pluradidade, que acentúa a continxencia e caducidade dos mesmos. A nova experiencia dos valores faise consistir en experiencia estética e retórica, onde os conceitos clave da ética: verdade, valor, norma, deber e responsabilidade dilúense en pensamento débil e en hermenéutica que interpreta xogos de linguaxe.

A modernidade é, segundo Vattimo, a época de lexitimación metafísico-historicista, e a posmodernidade é a posta en cuestión de forma explícita de esta forma de lexitimización. Unha vez descuberto que todos os sistemas de valores non son se non producións humanas e cando, para Vattimo, son máis queridos porque son todo o que temos no mundo, a única densidade, espesor e riqueza da nosa experiencia: o único ser.
Baudrillard
Baudrillard volve a súa reflexión cara o que subsiste (en sentido débil), é dicer, a cultura como imaxe, os cibermedia, a telemática, a hirperrealidade e o simulacro. Segundo as súas ideas a realidade desvaécese en simulacro, incluido as guerras.

Para Baudrillard, o propio capitalismo deslizouse cara o factor do consumo e ten mostrado claramente que na base do valor está o valor simbólico, sígnico, lonxe do que as necesidades naturais impoñen. Non é o traballo nen o consumo o que define ao home, se non o universo de símbolos polo que funciona, o da falsificación, a simulación e a reprodución ilimitada, é dicer, o do simulacro (onde se perde a referencia e, en definitiva, calqueira realidade).
A tecnoloxía sen suxeito puxo o simulacro en primeiro plano, e non hai xa polo tanto o suxeito emancipador. Non hai nada que construir na liquidación do principio de realidade. Onde todo é simulacro, instalado nun universo de relacións simbólicas, só cabe deslizarse entre elas e recoñecer distintos graus de falsificación sen orixinal sustantivo. Non hai nada por riba ou por debaixo do sistema de signos.

Non só hai que resaltar o valor simbólico, se non que hai que suprimir a referencia a un mundo distinto do creado polo intercambio simbólico. Para Baudrillard, non é só que sexa imposíbel distinguir, non é só a imposibilidade dunha ollada, é unha disolución da realidade mesma e da mirada tamén.
Zizek
O pensamento de Zizek articúlase no cruce entre Lacan, Marx e Hegel. Concretamente do segundo Lacan, a herdanza de Althusser interpretando a Marx e o posmarxismo.

Para Zizek, o suxeito é a sustancia reducida ao puro ponto de relación negativa con todos os seus predicados, é a sustancia en canto exclúe toda a riqueza dos seus contidos. Unha sustancia totalmente desustancializada, e na que toda a súa consistencia reside no rexeitamento dos seus predicados. O suxeito é polo tanto Real no sentido de Lacan, un obstáculo para a simbolización, e ten o estatuto dun trauma que impide a plena identificación co mandato simbólico.
Partindo do conceito de antagonismo de Laclau, Zizek di que o antagonismo é o que impide o feche da sociedade, é o límite interno á súa constitución plena. Todo intento de estruturación socio-simbólica é unha tentativa de eludir e controlar o antagonismo, que impide que calqueira destas estabilizacións históricas e continxentes convírtanse en definitivas.

A ideoloxía non é unha ilusión que construimos para fuxir da insuportábel realidade, se non na súa dimensión básica é unha construción da fantasía que fai de suporte a nosa realidade. A súa función non é ofrecernos un ponto de fuga da nosa realidade, se non ofrecernos a realidade mesma como unha fuxida dalgún núcleo traumático real.
Para que a Lei teña éxito na operación de subxeción-subxectivación debe fundarse nunha mancha de irracionalidade traumática e sen sentido adherida a ela, debe conter un compoñente sen sentido, que non é integrábel na identidade simbólica do suxeito, e este resto é á vez a condición de posibilidade da Lei e o seu límite interno.
Para Zizek, o que mantén unida unha comunidade profundamente non é tanto a identificación coa Lei que regula o circuito cotidiano normal desa comunidade, se non a identificación cunha forma específica de transgresión da Lei, da súa suspensión.